Coirós

Petróglifos de Pena Furada

Petróglifos de Pena Furada

Petróglifos da Pena Furada (Figueiras, Coirós)

O noso patrimonio

A Moura da Pena Furada: No mes de setembro de 2011 saltou á prensa o descubrimento dun relevo dunha muller realizado por Antón Fernández Malde a principios dos noventa do pasado século, achado que publicara no Anuario Brigantino no 1993 e no que xa abría a posibilidade de que o conxunto se tratara dun santuario no que destaca a figura dunha muller espida que mostra un desproporcionado sexo e coñecida dende vello polos veciños co nome de A Moura. Despois dunha primeira intervención, revelouse que non se trata dun tema illado, senón que forma parte dun complexo santuario datado entre os últimos séculos antes de Cristo e os primeiros da era cristiana que nos amosa o sistema simbólico e relixioso dos pobos galaicos, antes e durante a romanización. Ata o de agora, o coñecemento sobre estes pobos limitábase case ás aras romanas pero non abundan as representacións figurativas dos seus deuses nin este tipo de estruturas arquitectónicas. Unha das novidades é o control sobre a incidencia que a luz solar ten no conxunto e as conexións astrais que plantexa. A figura da Moura é probablemente unha deusa da fertilidade, ubicada nun podio, na parte máis elevada do complexo, que se amosa con toda claridade cara ao mediodía, en contraste co outro antropomorfo, pode que masculino, que é máis visible cara o ocaso. Coa axuda dun arqueoastrónomo comprobou que un muro onde hai unha marca, medieval ou romana, está perfectamente aliñado co equinoccio de primavera. Mais resulta aínda máis emocionante o descubrimento durante o equinoccio de outono; entón o sol cádrase de forma perfecta coa moura, iluminando ademais outra figura antropomorfa moi pequena que se atopa nunha das portas de acceso, a uns quince metros da moura. Segundo Malde non é unha casualidade que a vulva do baixorrelevo sexa irradiada polo sol na súa máxima intensidade durante o equinoccio de primavera, momento do ano ancestralmente celebrado por festas e rituais, nin que a estrutura xeral do santuario, que se desenvolve nun eixo norte-sur, estea orientada ao oeste, relacionado co mundo do Máis Alá. Detrás do podio construíuse un pequeno habitáculo, a modo de balcón con vista ao Monte do Gato. Unha das cuestións a dilucidar é ata cando se utilizou o recinto. O investigador cre que xa coa cristianización consolidada continuou a ser un referente para os habitantes do lugar. De feito, a igrexa de Santa María de Lesa, a menos dun quilómetro, está adicada a unha mártir galaico-romana con reminiscencias de A Moura, xa que se lle atribúe unha extraordinaria fecundidade, ao ter parido nove fillos á vez.

Concello, Comarca ou Provincia

Concello de Coirós

Coirós

Coirós é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Betanzos. 

Website do concello de Coirós


Casa do Concello

Coirós de Arriba, 16. 15316 Coirós (A Coruña) Teléfono 981-796414 / Fax 981-796256 correo-e correo@coiros.dicoruna.es

Datos 2019

Alcalde Quintela Requeijo, Francisco (PP)

2019 Censo: 1824 Superficie (km2) 33.9 Entidades de poboación 31

Galipedia

Web do concello

 

Concello, Comarca ou Provincia