Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade, s/n
27003 Lugo
Tlf. 982242112 Fax 982240240
info@museolugo.org
Praza da Soidade, s/n 27001 Lugo (Lugo)
Museo Provincial de Lugo
Museo Provincial de Lugo | Museos de Galicia
Creado pola Deputación de Lugo no ano 1932 coa intención de reunir e protexer distintos bens do patrimonio da provincia dispersos en coleccións particulares e institucións públicas, o museo ocupou inicialmente unha das salas do Palacio Provincial de San Marcos. No ano 1957 trasládase á sede actual, integrada polas dependencias do antigo convento de San Francisco e un edificio de nova planta deseñado polo arquitecto Manuel Gómez Román. Dende esa data o museo foi sometido a diversas ampliacións.
Na primeira planta pode verse a colección de mosaicos do século III aparecidos nun solar da rúa Armañá de Lugo; as coleccións de arte sacra, nas que destaca unha imaxe do Salvador en pedra procedente de San Pedro de Fiz de Muxa (Lugo), unha ampla mostra de imaxinería gótica manierista e barroca, as cruces procesionais en prata e diversos obxectos de uso relixioso; e no claustro, pezas de epigrafía, heráldica e outras coleccións en pedra. Na cociña conventual desta planta expóñense os fondos etnográficos, a carón do refectorio do convento.
Na parte alta do claustro atópase a sala de Prehistoria e Arqueoloxía na que se fai unha mostra cronolóxica dende o Paleolítico ata o final da Romanización; tamén as coleccións de cerámica, vidro, numismática e medallística.
Na segunda planta merece especial atención a colección de arte galego centrada en pintura e escultura dos séculos XIX e XX con salas monográficas adicadas a Antonio Fernández, Julia Minguillón e Corredoira, así como a colección de cerámica de Sargadelos á cal se dedica unha sala na que se amosan pezas de tódalas épocas da produción da Real Fábrica.
Como consecuencia da reestruturación do ano 2010 realizada na primeira planta do novo edificio de ampliación inaugurado en 1997, situouse alí a sección de debuxo e gravado galego coas salas monográficas de Castelao, Prieto Nespereira e Castro Gil, manténdonse exposta a colección de lucernas.
Fundado no ano 1934 e trasladado en 1957 ó edificio actual, inspirado na estrutura dun típico pazo galego anexo ó convento de San Francisco. No claustro, do s. XV, expóñense aras e estelas romanas, sartegos e laudas sepulcrais medievais, así como unha completa colección de reloxos de sol. Na sección de arqueoloxía expóñense obxectos que van desde a prehistoria ata a romanización, destacando o torque de Burela e o carneiro alado de Ribadeo. Exponse tamén o mosaico de Dédalo e Parsífae procedente das escavacións realizadas na rúa Armañá nos anos 80 do pasado século. Completa o museo unha serie de salas dedicadas á arte sacra e á pintura e escultura galega máis representativa dos séculos XIX e XX.