ALEXANDRE NERIUM
Lugar: Mar interior de Fisterra
Enche na vida o mar para afogarte; avézate
de seu da estacha ó roce no meirande fondío
onde te xulga. ¿Acórdaste da ceifa?, é a quen pertences;
quen che desvela, ó escoito, o seu segredo ou xeme
coa calada o concerto de outono dun baixío.
O vello cuncharedo deixou de ser palaxa,
descubriuno a serea do mascarón furtivo
do galeón 'Beluca' cabo do Tremosiño
co Berrón ó Castelo, coa Lobeira á Regaña
cando rompeu de súpeto de Bufadoiro o limpo.
Malia que todo pasa decontado; ás sandalias
do trinque do Tordeiro; á camisa engurrada
da Xestosa; á chaqueta de pana das Enchousas;
á gravata celeste do Mañoto; á xeitosa
faldriña das Arrosas, sobreenténdese, alfáialas.
Todo petón ten nome, todo marca. A candorca
tamén sopesa a adega que, enguedellada, ofega
o maremoto. Encállante na arnela máis angosta,
naquela en que a vellez non ten asilo. ¡Apréixama
nalgures! O sobordo despezará a serviola.
Non obstante profésaa inda que os folgos perdas,
mesmo te fagas noite coma o día e aparezas
na laxa dobregado sen ollos que te ceguen,
coas costelas crebadas do mal tempo e amañeza
no ceo outro coído, silente, coma sempre.
De Vogar de couse, 2003)