Bande

Termas do Baño. Caldas romanas de Bande en San Xoán de Baños

No lugar do Baño (Bande) son coñecidos os seus mananciais de augas mineiro-mediciñais que, segundo sinalan no panel que se atopa na zona, ten mineralización débil e cun lixeiro olor sulfuroso e que xermola entre 36-48 ºC. Estas augas, de composición alcalina-silicatada-sulfídrica, están indicadas para o tratamento de doenzas reumáticas, dermatolóxicas, do aparato hepato-dixestivo e das vías respiratorias. Aínda que o seu uso pénsase que foi continuo ao longo dos anos, ata o século XIX non se construíu unha “Casa de Baño”, pero esta non tivo un longo percorrido xa que en 1948, pola construción do encoro das Conchas, quedou sepultada polas augas.

Existe constancia na historia da zona do aproveitamento destas augas termais dende época romana na que se proxectou a construción dunha das vías de comunicación polo interior do territorio galaico, coa finalidade de enlazar as cidades de Asturica Augusta (Astorga) con Bracara Augusta (Braga) coñecida como Vía Nova, e se elixiu este lugar para construír un campamento militar como base operativa, Aquis Querquenis, aproveitando as súas excepcionais condicións ambientais e a surxencia de augas mineiro medicinais ás que os romanos eran grandes afeccionados.

Na actualidade aprovéitanse estas augas durante os períodos nos que o volume da auga do encoro diminúe.

Os Baños, Bande

Concello, Comarca ou Provincia