Igrexa Parroquial de Santiago de Amoexa

Galego

English

Castellano

Français

Deutsch

Portugués

Italiano

27579 Antas de Ulla (Lugo)

Igrexa de Amoexa (Patrimonio)

Amoexa, Antas de Ulla

Igrexa parroquial que presenta estrutura e elementos propios do románico clásico.

Na documentación atopada sempre se alude a este lugar como parroquia.  No s. XIII, consta unha doazón de Dona Urraca Fdez. Ao bispado de Lugo de varias parroquias entre as que se cita Amoexa.

Estamos ante unha igrexa sinxela cunha única nave rectangular e unha única cabeceira semicircular, a ábsida.

Esta igrexa ten a particularidade da reutilización de elementos romanos, en concreto nas columnas do adro e aras do interior. O material das columnas é mármore, posiblemente do Incio, a canteira de mármore máis famosa de Galicia.

Presenta canzorros laterais e posteriores con motivos xeométricos.

Unha ábsida semicircular implica maior destreza técnica, polo que supón un maior poder adqusitivo para poder financiar un grupo de canteiros expertos. Tamén sobresae a zona absidal, tanto exterior como interiormente, no que se refire á riqueza decorativa. A xanela absidal está engalanada cun arco de medio punto sostido en columnas con capiteis profusamente decorados e co axadrezado, esa especie de dameiro que decora a chambrana. Tamén se enriquece con unha peza a modo de tímpano.

As dúas columnas na parte esquerda e dereita da ábsida presentan a curiosidade de mesturar nos capiteis motivos vexetais cos antropomorfos., follas que sobresaen en flanquean unha cara. Na base da columna da esquerda están gravadas dúas figuras, unha delas semella un león a outra está máis deteriorada. Os leóns tiñan a consideración de animais protectores. Na outra columna aprécianse dúas aves agarrando unha cabeza, como se axudasen a que ascendera a alma ao ceo.

Cando accedemos ao interior, na parte esquerda atópase a pía bautismal, tal como procede pois para entrar na igrexa debíase estar bautizado. Polas súas dimensións ben podería indicar que nela tivo lugar o ritual de bautismo por inmersión dos nenos. Á dereita atópase unha ara romana.

As pinturas, do século XVI, están en mal estado de conservación. Detrás do retablo consérvase unha anunciación pero a única que se pode contemplar é a que podemos atopar nun lateral e que representa a escena da flaxelación.

Capiteis cunha decoración complexa pois presenta moito calado, mesmo se podería pasar man por detrás algunha das pezas, e baleirar a pedra necesita pericia. Aprécianse, como no exterior pero con maior calidade, aves sostendo as almas. Na base hai cabeciñas, mesmo con tocado ou casco. Despois do arco triunfal que descansa nos capiteis, na cabeza da ábsida hai un retablo, moi coidado e con vivas cores, con Santiago peregrino na parte central.

No mapa

Igrexa Parroquial de Santiago de Amoexa

Igrexa Parroquial de Santiago de Amoexa

Concello, Comarca ou Provincia
Tipoloxía