ALEXANDRE NERIUM:
Lugar: Rada de Carnota
Languidecernos preto da arnela sen area,
devorarnos o livro se a barlovento agrisa...
¿Paga a pena enxoitarnos coa fervenza?, ¿inda quedan
Mañotos para pormos? O frieiro da ardentía
segue a arfarnos, levédanos co cuspe da ribeira.
Lesnorleste. Crepita a extenuación nas quillas
testas. O xeito faise ó mar sen despedida...
O padexar isócrono escabeza, amoréanse
os sons das brogas irtas; namentres escintila
no fondo o seu achado, cando a airexa apodrece...
...Como a guerla... O escumallo restaura algún batente
que estrambotee un prego de conversas. Efémero
rinchar, ese, o do carro que ri cando o ar desprende
somnolencia. Encomeza na tona... o ardor de sempre...
(da auga) na enfilación mendaz do cabeceiro.
...De cuberta. As primeiras danzan, choutan...; debágaas,
axiña aquel da pana que vén sendo o máis vello
de cuberta... En ringleira vanse arrombando, a xeito,
pé da popa, boireis descortizados, trallas
moles e os toros que saciaron ós patelos.
Veñen vindo pensando en ter a lúa: uns, na Lama,
outros, no Consieiro... e, os de leste, na rada
de Carnota (mallaran de mareo nas fecheiras).
A xouba anda en barría xunto as rinchas. En terra...
viúvas regateiras agárdanos... se cadra.
(De Vogar de couse, 2003)