Invernía

XERVASIO PAZ LESTON
Lugar: Terras de Muxía

Chove maino, sin acougo, neste inverno lagoeiro.
Fai xa mais de quince días.
Cae a chuvia mainamente desde un ceo recuberto
de un mantelo color cinza.
Amodiño cae a chuvia ¡i hai tristura na paisaxe,
nestes xornos de invernia!
Na fiestra do meu cuarto tendo os ollos vagaxeiros,
a través das finas pingas,
sobor soutos e toxeiras, pol-as fragas e pinales.
Por cangostras e cañeiras, pol-as terras labrantias.
Antre os velos da orvalleira vense as mardes sementadas
do mol chan da Condomiña.
I as Pedrosas i os Lamosos son lagoas melanconicas
de ágoas tristes é chumbizas.
No arremate de xaneiro verdexea xá o trigo.
Pol-as terras farturentas baixo á chuvia miudiña,
pero ó verde dos trigales
non aleda meu esprito, saturado de invernia.
¡No traveso da fiestra van os ollos esvarando,
pol-o vario panorama da paisaxe campesiña
no que un velo verde oscuro cobre soutos é toxeiras,
hortas, agros e camiños, de invernal melancolía!
Voian logo hastra Moraime, por enriba do Valnovo,
onde ven ou adiviñan
O recanto silandeiro das eternas insinanzas
Pra os humanos ateigados de soberbias e cobizas!...
Troco logo de fiestra. Na que da cara ó poñente,
por sobre as casas veciñas,
ollo as terras sosteñidas por valados é ribazos:
Fontán, Rodo, Agra de Arriba...!
Mais anque a paisaxe troca suas formas xeométricas
está ausente do contorno toda mostra de alegría...
Anda á xente pol-a casa sin solaz é desnortada,
entre cansa é aburrida!
Berra o gando lastimento farto xa de longo encerro,
é tamén de comer palla na prisión das crabalizas.
Chove maino, sin acougo, nestes días de orvalleira,
dende o ceo á chuvia cae peneirada en finas pingas...
¡Como pesan sobre o esprito no recanto das aldeas
estas horas abafantes, estas horas de invernia!

Moraime, Muxía

Gervasio Paz Lestón

No mapa
Concello, Comarca ou Provincia
Tipoloxía