Responso galego ô "Serpent"

ANTÓN ZAPATA GARCÍA
Lugar: Cemiterio dos ingleses

  I   
Dende que foi a pique, con nuite borraxenta,
no BOI de CAMARIÑAS, o Barco-Escola ingrés,
no Día de Difuntos, a escoadra medoñenta
de guerra, saüdaba os mortos que alí tên...

Con vint-ún cañonazos, ceibados dende abordo,
â rexa Costa Brava facía tremecer,
o mesmo como cando o Norde, c-ô balbordo
do mar, brúa e rebrúa na Costa do Laxés:

Saúdo d-honoranza ôs catrocentos mozos
que a morte pol-a proa levaban sin-a vêr,
e as poutas das rompentes trocaron en destrozos
co-a saña louquecida d-un tigre bengalés.
   
  II
¡Pasaron muitos anos!: A escoadra n-aparece
pra relembrar os mortos do tráxico “SERPENT”:
¡Os probes afogados non teñen quen lles rece,
pois súas nais morreron!: ¡Nadia lles prega ren!...

Quezáis en ningún libro o laureirado bardo,
—o gran Rudyard Kipling, o anglo-bombayés—,
non se relembre nunca d-éles, no San Medardo,
coma relembra as grorias do podeirío ingrés.

Quezáis, pol-os Arquivos do Gran Almirantazgo
d-Albión, o pô recruba teu nome, ¡ouh, “SERPENT”!
eisí como tampouco as verbas: —¡“Eiquí  xazgo”!—
riscáronse nas pedras do BOI camariñés.

Mais, ¡el-o non importa!: Vos fóstedes, mariños,
baixo a gadoupa fera do vento Noroés,
o mesmo que a niñada de probes paxariños
n-unha gayola endébel: ¡O casco do “SERPENT”!

Por eso, non hai culpa: ¡N-hai homes sin reparos!
Non valen os cadrantes: ¡Naides a culpa tên!:
Non alumaba a estrela do Norde, nin os faros!:
¡Deus quixo que morrérades no Santo Mar d-Alem!...

Das gandras irlandesas, no haberés suidade;
tampouco haberés mágoa, das gandras do Morvern:
¡O mesmo dá Galiza, pr-ôs celtas de verdade,
que aquélas nobres terras do noso antergo Celt!

 

 


Na terra dos galegos na propia terra estades,
mariños compatrianos de O’Connell e Parnell:
C-ôs nosos afogados, ¡ingreses!, vos chorades,
no Mar dos Silenzosos, as dôres de Gaél.

Da “BARCA” na romaxe —coma no San Patricio
das vosas verdes terras, ouzando ôs “highlanders”—,
os brandos sons da gaita galega, un epinicio,
cantando encol das ondas, vosoutros ouzarés.

Durmide, fillos d’Anglo: Ficades c-ôs galegos
e acougo vosos corpos por sempre haberán têr:
Das boas nais galegas han rubir os pregos,
pra que, eisimade, as almas acóuguense tamén.

  IV

Na Costa Brava dormen os fillos d-Inglaterra,
os mozos que unha nuite marcháronse pr-ô Alem,
que aluman, câl ciriales, os faros de FISTERRA
 e do VILAN, fraternos, vertendo seus ronsels...

Tan sô, de nuite, síntense —dende o VILAN de FORA
deica â “Area 13”—, o canto de REQUIEN,
e o triste DE PROFUNDIS do ÁRTABRO mar que chora
diante do cimiterio dos mortos do “SERPENT”!...

Faro de cabo Vilán

Antón Zapata García

No mapa

Responso galego ô "Serpent"

Responso galego ô "Serpent"

Concello, Comarca ou Provincia
Tipoloxía