Poesía

Muxía

GONZALO LÓPEZ ABENTE
Lugar: Muxía

Brandamente deitada no medio da ribeira
e ollando cara o ceo, acouga silenciosa
a branca e melancónica e doce compañeira
dos outos penedás da brava costa nosa.

Tecelana de ensoños, fabrica na almohada
as randas milenarias dos albos areales
que treman milagreiros, na mañán encalmada,
nos refrexos azús dos mariños cristales.

E nos días de inverno, cando a fera tormenta
desatada en furores enrabexada alenta,
envolta no mantelo de vaporosa bruma

satisfeita sorríe e soña adormecida
no leito mol e morno que a iauga remexida
ofrécelle con tombos e folerpas de escuma.

(De Nemancos,1929)

Muxía

Gonzalo López Abente

Leis de Nemancos, Muxía

Concello, Comarca ou Provincia

O Vilán

GONZALO LÓPEZ ABENTE
Lugar: Cabo Vilán

É quizais un xigante poideroso
que ollándonos está,
cun ollo refulxente que alumía
na azul inmensidá...

Ben o vexo, antre a brétoma, alá lonxe,
brilante lostregar;
eu ben vexo antre a brétoma o seu ollo
constante parpadear...

É un cíclope soberbo que alumía
aos que pola auga van,
é un cíclope soberbo que lostrega
no monte do Vilán.

(De Escumas da ribeira,1911)

 

Faro de cabo Vilán

Gonzalo López Abente

Galego

English

Castellano

Français

Deutsch

Portugués

Italiano

Faro Vilán, nº s/n 15123 Camariñas (A Coruña)

Vemos o cabo e faro Vilán desde o Oeste (camiño de Monte Branco Rede Natura)

Concello, Comarca ou Provincia

Ponteceso

VICTORINO ABENTE LAGO
Lugar: Ponteceso

Estóu na terra de Ponteceso,
frondoso berce do meu curmán,
galaico bardo de moita sona,
cantor do triste preso de Orán.

Ouzo as campanas d'Allóns e sinto
que magoando meu peito están,
porque me lembran o prisioneiro
que chora lonxe do patrio chan.

Altos pinales cobren os montes,
fermoso río recorre o plan,
garrida terra pola que xeme
aquel penado con tanto afán.

Famosa terra que serás de cote
nos moitos anos que pasarán,
nunca esquecida polo recordo
do teu poeta bergantiñán.

Ponteceso

Victorino Abente Lago

Concello, Comarca ou Provincia

“Rei dos castros, castro forte”

EDUARDO PONDAL
Lugar: Castro de Nemeño

 “Rei dos castros, castro forte,
garrido castro Nemenzo,
o das uces montesías
e dos carballos cerqueiros;
o da boa parecenza,
o dos altos parapetos,
cheos de frores no vran
e esquivas uces no inverno;
o dos fosos ben compridos
e ben fondos e ben feitos,
das rampras en caracol
e camiños encubertos;
doce á vista desde longe,
castro boo, castro compreto,
¡ouh castro, amigo dos celtas,
antr´os castros o primeiro!,
coma un celta forte e armado,
desde longe te contempro
co teu escudo embrazado
con que defénde-lo peito.
Eu non sei por que na alma
O que sinto non comprendo,
Cal virgen que o seu amado
Mira cun pracer secreto.
Así a túa formosura
Respete o futuro tempo,
E na túa nobre frente
Conserves o nobre sello,
Qu´é propio tan só dos fortes
Qu´ó tempo non se rendeno,
E seas doce lembranza
Dos días que feneceno,
Daqueles que inda virán
A poboar noso eido,
E pasado tempo antigo
Chamarán ó noso tempo”.
Tal ó son d´harpa gemente
Cantaba a doce Maimendos,
Filla do boo Contemunde,
Antre os fortes o primeiro,
Que, do eido dos seus maiores,
No Támara estaba vendo
O grande castro garrido,
Nun día escuro d´inverno,
En que as uces montesías
Se domeaban co vento,
E a voz da doce meniña
Íbase ó longe perdendo...

Nemeño, Ponteceso

Pondal

Concello, Comarca ou Provincia

Ó abrigo do vento circio

EDUARDO PONDAL
Lugar: Casás de Nemiña

Ó abrigo do vento circio,
Sentada ó pé dos valados
Qu´hai nos Casás de Nemiña,
Os cabelos pieiteando
Cun lindo pieite d´ouro,
Que deslumbra ó miralo,
Cantaba a fada Rouriz
Cousas do tempo pasado:

“Eran Manoel Leis e Baña,
Barrentos, Lastres e os Paz,
Eran Piñeiro e Leis Busto,
Ruíz, Canosa e Currás;
Arjomil, o da Redonda,
(nunca se m´esquencerán);
Pedro Rodríguez, Ocampo,
Lourenzo e Castro Romai;
Francisco, de Castiñeira,
Cristovo, morto en agraz;
Mauro Fernández, Menecho,
Manoel Romero e Pon...al”.

Esta parte do seu canto
Ben non se poido escoitar,
(sopraba o aire mui recio
nos valados de Casás),
e, cal son de doce corda,
ó longe foi espirar.

“Lastres era de Mugía,
a areosa, a seca, a triste;
Leis era de Suxo e Ocampo
Da terra de Villarmide;
Leis Busto, de Coucieiro,
Barrentos, de Morpeguite;
De Corcubión os outros
Non eran fóra dos lindes;
Os outros, ¡ouh Bergantiños!,
Todos ti nace-los viches.

Estes foran os rapaces
Que nunca me sairán
Da memoria, porque nun tempo
Soían ben alegrar
Estes lugares qu´agora
Mui sós e tristes están.


¡Ouh rapacetes rebertes,
de tenro corpo lanzal,
e tan libres com´os corvos
do facho de Touriñán!,

nas c´lunas do meu palacio,
que baixo da terra está,
os vosos nomes garridos
para sempre hei de gravar”.

Vilela de Nemiña, Nemiña, Muxía

Neste lugar estudou Eduardo Pondal na escola que tiña un parente seu que era crego.

Pondal

Concello, Comarca ou Provincia

Cando jazan do cisne

EDUARDO PONDAL
Lugar: Barra na desembocadura do río Anllóns

Cando jazan do cisne
Os febrentos despoxos,
Sobre do verde da ribeira escura,
E ja non s´ouza o canto harmonioso,

Dádelle sepultura
No promontorio aquel, areoso e vougo,
Onde o Anllóns, o seu nativo río,
(qu´el máis amou de todos),
da peregrinación antiga súa
e do longo traballo acha repouso.

Que diga o mariñeiro,
Rudo fillo do Osmo,
Ó entrar pola Barra
Volvendo o escuro rostro:
“Alí jaz o que fora
noutro tempo cantor do eido noso”.

Pondal

Praia de Area das Vacas

Desde o Miradoiro As Grelas en Cabana de Bergantiños

Desde a Casa natal de Pondal en Ponteceso

Concello, Comarca ou Provincia

A vila de Laxe

ANTÓN ZAPATA GARCÍA
Lugar: Centro de Laxe

  AO pê da «Arca grande», e sobre a pedra dura,
a filla ben querida dos ártabros, laxesa,
espéllase n-as ondas tranquías, coor turquesa,
pieitando os seus cabelos de ourífica finura.

  De pesca e mariñeira tên a lanzal feitura,
e, de outo señorío, tamén prestanza acesa:
pol-o abolengo, pode ser céltica princesa,
pois, n-ela, de Altamira, o embrema ainda figura.

  No vran, as súas praias son leitos de puntillas
enonde a siesta dormen as peixadoras quillas
sin relembrar nortadas, trebóns e furacáns;

  e cando na invernía o mar morde os cantiles,
e afonda lanchas e homes, e tira côs petriles...
¡a branca vila enlóitase pol-ôs mortos laxeiráns!...

Laxe

Antón Zapata García

Antón Zapata García

Concello, Comarca ou Provincia

Fisterráns!

MANUEL CAAMAÑO DEVESA
Lugar: Antigo porto de Fisterra

 
I

Sodes os lobos do mar
c-as vosas pequenas lanchas
e conocédel-as canchas
onde as raeiras largar.
Cando salís a peixar
pol-o tempo da langosta,
recorredes tod-a costa
de Galiza e máis d-Astúreas,
pasando muitas penúreas
e sempre c-a vida esposta.
 

II

A perdel-a, ¡fisterráns!,
que sodes vos quen eu canto,
por atrevervos a tanto,
sempre unidos coma irmáns.
Dormides todos n-os plans,
baixo as tillas, na umedá;
mais esto nada será
cotexado c-ô elemento
medoño do mar ou vento
cando ruxe a tempestá.


III

Rompe a rota enlouquecida
baixo as gadoupas do Norte,
e, cara a cara c-a morte,
disputás a vosa vida,
que a podés contar perdida
se sofrís un acidente...
Eisí o dí tod-â xente
que de vos se lle oi falar:
¡Que sodes “lobos do mar”
e non têdes precedente!...

Fisterra

Manuel Caamaño Devesa
Concello, Comarca ou Provincia

Encantos

GONZALO LÓPEZ ABENTE
Lugar: Nemancos

Unha nube de chumbo a tapar todo o ceu;
borraxeira e orballo que revoan no ar;
os inxentes penedos, xa tristeiros de seu,
espallando queixumes con dorido fungar;
os montes envolveitos na brétema sotil;
e as bocas desdentadas das furnas no cantil.

Escumas, ardentías,
atruxante balbor,
e, cal apocalípticas porfías
de cíclopes, vestiglos e xigantes
das vellas e varís mitoloxías,
os ecos trepidantes
do líquido elemento bruador.

¡O mar!
¡O meu mar!
¡O mar que eu vexo,
netes días de inverno,
gris, abalante,
inquedo, forte e rexo,
a cólera a roubar do fondo do averno
e a bater nas orelas, escumante
de rabia e de furore, nun épico loitar!

Este mar que derruba coas paredes das hortas,
desfaise contra os cons e sobe polos cabos;
que corre polas rúas ribeiranas e tortas
antre as casas homildes dos mariñeiros bravos.
Este mar belicoso que a costa brava asedia,
que as ondas esnaquiza nunha branca fervenza
e en escumas de prata no cantil as destrenza...
é o gran creadore dunha eterna traxedia.


(De Nemancos,1929)

Gonzalo López Abente

Muxía

Leis de Nemancos, Muxía

Concello, Comarca ou Provincia

Volta pr'a Terra

EVARISTO MARTELO PAUMÁN
Lugar: Castelo de Vimianzo

Nas Torres de Vimianzo
din que hai un mouro encantado,
homes e nenos co medo
de noite pasan de largo;
eu non sei si será o mouro,
eu non sei si será o trasno,
si son os meus pensamentos,
que algunha noite velando
solitario no meu leito,
co reflexo do cigarro
batendo nalgún espello,
ou no curruncho dun arco
trasvexo así como sombras
lindas e blancas pasando.
"Vinde a facer homenaxe,
vinde a min, que son o amo,
miña mesnada sombriza",
dígolles; quedo agardando,
mais elas, si son non veñen
aínda foxen cando eu falo.

Só escoito por resposta
os cans ó lonxe ladrando
xunto as portas dos quinteiros
non longo val espallados,
os asubíos do vento
nos matacáns do meu pazo,
o grave son da follaxe
como un xigante roncando,
o berro dunha curuxa,
ou as couces dos cabalos
que no silencio da noite
patean de min debaixo,...
e cando ó fin xa me durmo,
quixera velas soñando.
¡Ou! quen fora vulgo, ou neno!
¡Casi me encantan encantos!
   
(De Líricas gallegas,1894)

Castelo de Vimianzo

EVARISTO MARTELO PAUMÁN

Vimianzo

Concello, Comarca ou Provincia